A ermida e área recreativa do Monte Faro (1.187 m.) coroa o cume desde o que se dominan amplas vistas das catro provincias galegas. Os altos desta serra son suaves, lixeiramente achairados, e pola súa situación na Dorsal Galega reciben abundantes precipitacións, con anos de nevaradas.
Nas abas as formacións boscosas autóctonas adquiren relevancia na paisaxe, tradicionalmente moldeada pola actividade agrogandeira. Consérvanse entre as terras de labor boas mostras de carballeiras, con exemplares de gran porte nalgunhas zonas.