22set
Os mellores lugares que visitar en Bueu e arredores

Os mellores lugares que visitar en Bueu e arredores

Se non tiveches aínda ocasión de visitar Bueu e os seus fermosos arredores, queremos darche un puñado de motivos e enclaves para gozar dun dos recunchos máis característicos e xenuínos das Rías Baixas, delicia para fotógrafos, camiñantes e turistas de toda clase.

A península do Morrazo ofrece paisaxes magníficas de prados, matogueiras e costa salvaxe, que ademais, compleméntanse dun clima exquisito especialmente destacable nos meses de bo tempo.

Toma nota e non te perdas os seguintes espazos de Bueu e arredores!

O que non te debes perder en Bueu e arredores

Pola costa oeste o Cabo Udra pon fin á ría de Aldán e sinala o comezo da ría de Pontevedra. Este máxico enclave permitirache contemplar unha sucesión de pequenas enseadas entre puntas rochosas e divisar unha salvaxe paisaxe marítima entre arrecifes.

Foto: Juantiagues url

Desde o alto de Carafixo, a 129 metros de altura poderás gozar dunha espectacular panorámica, divisando a ría de Pontevedra e illa de Tambo, e se existe unha boa visibilidade, a illa de Sálvora e as entradas das rías de Arousa, Muros e Noia e a silueta de Finisterre; As illas de Ons e Onza, ría de Aldán, punta Couso e parte das illas Cíes. Marabillado? Pois espera a velo en persoa.

Foto: Gabriel González url

Beluso é outro dos enclaves máis característico da zona do Morrazo, onde poderás pasear e ver as típicas vivendas mariñeiras e no porto e as tradicionais embarcacións como dornas e gamelas, ademais de gozar da súa rica oferta gastronómica centrada no polbo "a féira" e os espectaculares peixes e mariscos procedentes das rías. Cabe destacar a posibilidade de admirar a Igrexa Parroquial de Sta. María de Beluso do século XVII, formando conxunto con casa reitoral e cruceiro.

Outro lugar que vos ofrecerá unhas vistas espectaculares das illas é o faro de cabo Home, situado no punto da Península Ibérica máis próximo ás Cíes. Rodeado por agrestes cantiis, é unha zona practicamente virxe e de fabulosas vistas, ideal para contemplar un mar bravío estrelándose contra as rochas.