Catarata del Toxa - SILLEDA

Fermoso espectáculo de auga, luz e son, formado por unha cascada de auga do río Toxa na parroquia de Pazos, considerada a máis alta de Galicia en caída libre.

Constitúe un espazo de alto valor paisaxístico que forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza e participa no proxecto europeo Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria.

A súa diversidade botánica, aproveitada polos monxes dos mosteiros de Carboeiro e Camanzo para a súa farmacopea, e un bosque atlántico marabillosamente conservado con especies de tipo mediterráneo, conceden a este lugar características de único, incomparable e unha das máis impoñentes imaxes da nosa comunidade pola singular beleza. Se a auga é vida, as fervenzas son a ledicia de vivir.


Como chegar:

Accédese dende a vila de A Bandeira situada na estrada N-525 que une Ourense con Santiago. Dende esta poboación vaise á parroquia de Pazos pola estrada 204 que vai a Merza e Vila de Cruces e, seguindo os sinais chegaremos aos miradoiros, onde podemos deixar os vehículos para facer un pouco de sendeirismo ata o pé da inmensa cola de cabalo.


Valores naturais

Esta área presenta unha gran diversidade litolóxica que da orixe á fervenza, ao encaixarse entre un granito tremendamente duro por mor da cantidade de cuarzo que presenta sobre materiais metamórficos menos resistentes á erosión.

Nas impoñentes paredes graníticas que flanquean a fervenza aniñan grandes aves que precisan de cantís pétreos e que son pouco abundantes en Galicia, coma os corvos (corvus corax) e os falcóns (falco peregrinus).

A benignidade climática permite a diversidade forestal de maneira que na posición de solaina están presentes as sobreiras (quercus suber), os érbedos (arbutus unedo), os loureiros (laurus nobilis) e os cerquitos (quercus pyrenaica), mentres que nos solos máis profundos dominan o carballo (quercus robur), o pradairo (hacer pseudoplatanus) e o castiñeiro (castanae sativa).

Preto das augas do Toxa, nas ribeiras ben conservadas, existe un bosque en galería de árbores amantes da humidade como os salqueiros (salix atrocinerea), os amieiros (alnus glutinosa), os freixos (fraxinus angustifolia) e as abeleiras (corylus avellana).


Sendeirismo

A especial singularidade da orografía destas fervenzas permite disfrutar do espazo desde puntos de vistas distintos. Un, disfrutando dos miradoiros situados en distintos niveis na parte alta da cascada, e outro baixando ao pé da mesma, despois de percorrer andando a distancia que separa os dous puntos. Todo un pracer para os sentidos e unha lección de botánica nun lugar afastado do mundo, como recuncho da  natureza que sobrevive aos atropelos infames do progreso.


Situación

No Concello de Silleda este sistema identifícase de cheo con todo o percorrido do río Deza que vai do Sur ao Norte do término municipal pola vertente leste facendo fronteira natural cos concellos de Lalín e Vila de Cruces ata a desembocadura no río Ulla, na parroquia de Cira.


Recomendacións

MATERIAL: calzado lixeiro de montaña, chubasqueiro en función da época do ano. Mapa da ruta, cantimplora, aconsellable máquina de fotos, roupa lixeira e cómoda.

Pódese realizar en sentido de ida e volta, pero é recomendable seguir o itinerario marcado para evitar a perda. Neste caso chamar aos teléfonos: 660 663 145 ou 660 664 809 (Protección Civil)


Fonte: turismosilleda.es

Características de Rutas á natureza

  • Entorno da ruta Natureza pura e espectacular a catarata, sobre todo cando chove
  • Recorrido Entre arboledo
  • Distancia de todo o recorrido Desde Silleda, estrada nacional 525 cara a Santiago, e ao chegar a Bandeira á dereita, cara a Vila de Cruces. Total do percorrido 11,5 kms.
  • Zonas habitadas Si
  • Consellos para a realización da ruta Calzado cómodo