Queremos comezar este blog cun dos lugares máis coñecidos e de visita obrigada da península do Morrazo: O monte Facho.
Atópase na aldea de Donón, parroquia do Hio (Cangas, Pontevedra), situado na parte máis occidental da península do Morrazo, dende este lugar temos unhas magníficas vistas da Ría de Vigo, do Cabo Home, dos cantís da Costa da Vela e das Illas Cíes e Ons, polo que por semellante emplazamento non é de estrañar que este lugar estivese habitado dende tempos inmemoriais.
Deixamos o coche nun dos aparcamentos habilitados no Cabo Home e continuamos a pé por unha pista sen asfaltar durante uns 500 metros, para continuar a subida ao monte por un camiño empedrado.
Dende a zona de aparcamento tamén podemos emprender outras rutas do entorno, un paseo polo Cabo Home á Praia de Melide e os seus faros, ou un paseo polas dunas e o piñeiral de Barra, Viñó e Nerga
Pouco antes de chegar á cima atopámonos cos restos dun castro, fundado sobre os séculos III ou IV A.C e abandonado hacia o cambio de Era, ainda que preto desta ubicación atopáronse outros asentamentos datados da idade de Bronce. A finais do século II D.C. refundouse o asentamento creando un santuario adicado a o Deus Berobreus, no que se atoparon máis de 180 aras romanas, que se deixaron como tributo ao deus que moraba no monte para acompañar aos defuntos na súa derradeira viaxe. Hai autores que vinculan Berobreus con Breogán, pai mitolóxico de Galicia.
Nestes intres as escavacións arqueolóxicas están paradas e podemos contemplar parte dos muros das vivendas e unha das aras que está exposta no entorno do castro.
A escasos metros do castro, no cumio do monte, atopámonos a antiga garita de vixiancia, construida sobre o ano 1617 dende a cal se divisa o Átlántico e as entradas da Ría de Vigo e Pontevedra, dende a que se avisaba mediante señais de fume que se podian ver dende moitos puntos da costa. Desta garita e dos fachos que se queimaban ven o nome do monte.
Despois de visitar estas dúas zonas, atopámonos con varios aficcionados á fotografía e outras persoas que non querían perderse a impresionante posta de sol coas Illas Cíes de testigo, que ainda que nos cadrou un pouco de névoa nunca decepciona.