A actividade é totalmente gratuíta e non se require que o alumnado teña coñecementos previos. As inscricións débense realizar no Rexistro Xeral do Concello, de 08.00 a 14.30horas, de luns a venres.
Lalín acollerá do 29 de agosto ao 3 de setembro un curso de graffiti dirixido a mozas e mozos lalinenses de 14 a 30 anos de idade, que servirá para acondicionar e ornamentar o muro perimetral do estadio municipal Manuel Anxo Cortizo. Este cerre, tal e como destacou o alcalde, Rafael Cuíña, que esta mañá se acercou ao lugar para comprobar o seu estado e certificar que se adapta ás necesidades do curso, leva moitos anos en situación de deterioro, coa pintura moi desgastada, dando unha imaxe de abandono e deslucindo considerablemente a exterior do recinto. Porén, este cursiño terá un dobre aproveitamento, xa que ademais de servir para que as mozas e mozos participantes adquiran coñecementos, habilidades e destrezas básicas sobre o graffiti, permitirá decorar e dotar dunha nova imaxe, diferente, orixinal e máis atractiva, o exterior do Cortizo.
Esta actividade levarase a cabo dentro do programa da Deputación de Pontevedra, “Deporuarte” e busca que as persoas participantes, ademais de adquirir coñecementos sobre esta técnica, coñezan a historia do graffiti e exerciten a súa creatividade e o seu lado máis artístico. O graffiti é entendido como unha das expresións de arte urbana máis populares e características da actualidade. Consiste en realizar debuxos ou todo tipo de obras pictóricas nas paredes e nos muros da rúa. Caracterízase por ser exposto de maneira pública para que todos o vexan e o gocen día a día.
Para participar no curso non se requiren coñecementos previos e o alumnado só terá que levar papel, lapis, goma e cores para elaborar os bosquexos. É totalmente gratuíto, e inclúe seguros, docencia, equipamentos específicos (sprays, pinceis, rotuladores...) e outros materiais didácticos. O lugar de impartición, como se dixo con anterioridade, será o estadio Manuel Anxo Cortizo, tendo o curso unha duración total de 25 horas, (do luns 29 de agosto ao sábado 3 de setembro, de 16.00 a 20.30 horas). En total hai 20 prazas dispoñibles, que serán asignadas por estrita orde de inscrición. As persoas interesadas déberanse matricular no Rexistro Xeral do Concello, de 08.00 a 14.30horas, de luns a venres.