Feria del cocido - LALIN

A cultura, unha boa maridaxe para o Cocido de Lalín

Dende os seus comezos, en 1969, a Feira do Cocido pouco a pouco pasa de ser unha simple festa gatronómica a unha exaltación SOCIO – CULTURAL a carón do seu elemento principal: O PORCO

Cartel do Cocido

Os primeiros carteis do cocido son asinados por imprentas. Non é ata 1975 cando se empezan a facer os carteis asinados por artistas, e a Feira do Cocido ten a honra de que fose Laxeiro o que aceptase abrir as portas a esa iniciativa, facendo da arte unha boa maridaxe para o cocido. O artista promociona a Feira do Cocido e a Feira do Cocido promociona ao artista.

Seguiron a Laxeiro: Sucasas, Virxilio, Paío, Fortes, Alicia Alonso, Santiago Valdés, Aymerich, Moldes, Paco Lareo, Lamazares, Gloria Alonso, Armindo Salgueiro, Xabier Arias, Nicolás, Álvaro Negro, Nicolás, Álvaro Negro, Moncho Borrajo, Fondevila, Macías, Quintana Martelo, Antón García Patiño, Jorge Castillo, Barreiro, Antón Pulido, Chelín, Vidal Souto, Pilar Taboada, Alexandro e Francisco López “Pichi”.

Desfile do Cocido

Distintas parroquias e asociacións gandeiras toman o divertimento do desfile como escusa para amosar aspectos antropolóxicos, etnográficos, de crítica social…etc. de Lalín e do mundo.

Puidemos ver, nestes anos, a matanza do porco, a granxa, as festas populares, a canteiría, os leñadores, o aserradeiro, o liño, o trigo, a viña e o viño, o Papa, a boda, reinvindicación leiteira, Loriga, Ramón Aller, o Oeste… En definitiva unha clase didáctica polas rúas de Lalín.

EmporcARTE 

Nace no 2011 como un traballo de clase do colectivo Parede en Blanco, nado na facultade de Belas Artes de Pontevedra e realizado no Museo Ramón Mª Aller de Lalín, creado e confeccionado por Bibiana Piñeiro, Adriana Pérez e a lalinense María Gómez.

O proxecto nace a raíz das experiencias, das reflexións do vivido e do compartido en torno a cultura do porco, que é unha parte importante da nosa idiosincrasia. A cultura do porco en Galicia forma parte do día a día da nosa xente, forma parte da vida do cotiá.

O Museo Municipal “Ramón Mª Aller” recolle o reto de Parede en Blanco, e fai desta iniciativa un evento anual, enmarcado dentro da Feira do Cocido. Un encontro que perdura no tempo. Amosando o interese do Concello de Lalín por promocionar a Arte e o Cocido, ademais de impulsar e apoiar aos seus creadores.

O EmporcARTE pretende ser un encontro entre varios artistas de diferentes disciplinas. Xira en torno a un tema en común, centrado na cultura popular galega, o Cocido de Lalín e a figura do porco como semente para a creación de tódalas obras.

Convídase a artistas de Galicia e de fóra de Galicia, que acoden ano tras ano ao Cocido das Artes.

Cocido das Artes

Xuntanza de artistas plásticos, literatos, músicos, amantes das artes e da cultura de toda Galicia para renderlle homenaxe ao Cocido. Nace en 1999 como un encontro anual, para tratar os temas que lles atinxen na actualidade.

En Lalín a Cultura é = a vida

Unha amalgama de actividades envolven e dan vida á Feira do Cocido, así como o porco lle deu moita vida a Galicia e lla segue a dar. Os veciños e visitantes poden gozar da música, danza contemporánea, ballet, teatro, exposicións, cine, presentacións de libros, conferencias…etc.